Programación Febreiro-Maio no Auditorio do Concello de Vigo

A Concellería de Cultura presenta a programación municipal de artes escénicas “Vigocultura” que se desenvolverá no Auditorio Municipal do Concello (praza do Rei, 1) dende o 12 de febreiro ao 15 de maio, ambos inclusive.

Para o primeiro semestre de 2016, a concellería volve a apostar por unha liña de continuidade que pretende seguir consolidando públicos a través das artes escénicas cos mellores espectáculos de música, teatro e danza que están nestes momentos circulando en Galicia e fóra dela. A programación amplíase nesta nova tempada e conta para este primeiro semestre cun total de 24 funcións que abarcan diversos xéneros como o teatro, a música, a danza, o circo, e inclúe espectáculos para bebés.

A programación diríxese, como é habitual, a público adulto, que terá lugar os venres ás 21:00 h, e a público familiar, que continuará realizándose os domingos ás 18:00 h.

Dentro da programación proposta cabe destacar un espectáculo para bebés, unha estrea, e dous fins de semana adicados á celebración do “Día Mundial do Libro”, cunha peza dedicada a Shakespeare a cargo de Mofa&Befa e outra que narrará as aventuras culinarias do Quixote con Limiar Teatro, e ao “Día Internacional da Danza”, coa premiada Paula Quintana (público adulto) e Da.Te Danza (público familiar de primeira infancia)

Moitos dos espectáculos seleccionados contan con prestixiosos premios e están circulando por todos os teatros nacionais, con grande éxito de público e crítica. En total participan 15 compañías e grupos galegos (14 delas a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios) e 9 compañías de fóra de Galicia (6 pola Rede Galega de Teatros e Auditorios e 3 a través doprograma Platea).

O Concello de Vigo renovou este ano a pertenza ao programa estatal de circulación de espectáculos de ámbito nacional PLATEA, que xestiona o INAEM, logo de acadar moi bos resultados tras as dúas primeiras experiencias nos anos 2014 e 2015. Vigo, ademáis, é a única cidade de España que garantiza o pagamento do 100% dos cachés das compañías contratadas a través deste programa, garantindo así que ningunha compañía ou grupo que actúe no Auditorio Municipal teña perdas.

Os prezos dos espectáculos están condicionados pola normativa establecida tanto pola Rede Galega de Teatros e Auditorios, como polo programa Platea, así como as ordenanzas fiscais municipais. Os prezos das entradas para os espectáculos de adultos abarcan desde os 3 € aos 8 €, e para público familiar de 3 € e 5 €, o cal implica que se manteñen os límites máximos do ano anterior.

As entradas xa poden adquirirse anticipadamente a través da páxina web www.ataquilla.com, telefónicamente a través do 902.504.500, ou ben a través do despacho de billetes da Central de Espectáculos; en caso de que houbese entradas dispoñibles, poñerianse á venda no despacho de billetes do Auditorio o propio día do espectáculo, a partir dunha hora antes do seu comezo.

Os abonos para a programación deste semestre podense combinar entre todos os espectáculos, en paquetes de 5 ou 10, con importantes descontos do 15% e 25 % respectivamente.


Fuente: www.quehacerenvigo.es


Date: 12/02/2016 00:00 - 15/05/2016 12:00