La Ría de Vigo

Vigo, a cidade máis poboada de Galicia, sitúase á súa vez nunha das paisaxes máis fermosas da península, dominando a Ría que leva o seu nome.

A Ría de Vigo é a máis meridional e a de maior lonxitude (uns 33 km) das Rías Baixas. Situada na provincia de Pontevedra, a cidade e vilas que se sitúan nas súas beiras son: Vigo, Redondela, Arcade, Moaña e Cangas do Morrazo. Nun pequeno entrante, que ás veces se considera fóra da ría, está Baiona.

Na súa entrada, entre Cabo Home –ao norte– e Cabo Silleiro –ao sur–, a Ría ten unha anchura de 15 km. Esténdese de forma estreita na súa parte central e distínguense, de oeste a leste, tres grandes tramos:

  • Dende Punta Balea até Punta do Muíño. Aínda que é o tramo máis aberto ao océano, encóntrase protexido polas Illas Cíes. Isto permite a configuración (dentro da Ría) dun excelente porto natural, ofrecendo unhas condicións inmellorábeis debido ao seu calado e manobrabilidade.
  • Dende Punta do Muíño até o estreito de Rande constitúe o tramo medio. A distancia entre as súas marxes redúcese até os 700 m.
  • A enseada de San Simón intégrase no tramo “oriental”, sector de dirección norte a sur de case 10 km. A enseada está presidida pola Illa de San Simón que, en realidade, é un conxunto de dúas illas, a de San Simón e a de San Antón, unidas por unha ponte. Ao longo dos séculos, moitos foron os usos que se lle deron: centro monástico, leprosería, prisión, orfanato, etc. As obras para a súa rehabilitación remataron en 2005, readaptándose os seus servizos ao público.

A navegación pola ría ten como principal horizonte as Illas Cíes –San Martiño, Monte Faro e Monte Agudo–, dende as que gozar de fermosas postas de sol. Estas illas forman parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia (xunto cos arquipélagos de Ons, Sálvora e Cortegada).

A Ría de Vigo posúe excelentes condicións naturais para a navegación. Ademais, a súa costa, a súa paisaxe, a súa tranquilidade, conforman un lugar ideal para gozar do tempo libre, así como para practicar todo tipo de actividades deportivas náuticas ao longo e ancho das súas augas.

Ponte de Rande

Foi deseñada polo enxeñeiro italiano Fabrizio de Miranda e construída en 1978 dentro da Ría de Vigo. Esta ponte de tirantes, con catro carrís de circulación e 1558 m de lonxitude, une as marxes do estreito de Rande. Está integrada no tramo Vigo-A Coruña da Autopista do Atlántico, estrada esta, que discorre a 45 m sobre o nivel do mar. O van central de 400 m de lonxitude está situado entre dous piares de 148 m cada unha. Foi inaugurada en 1981 e constituíu unha das construcións de enxeñería máis modernas e innovadoras do mundo neste tipo de edificacións.


Fonte: vigo.org